a nosa esencia
Senlleira nace dun soño compartido por tres mulleres que, nalgún momento dos nosos camiños, nos atopamos e descubrimos que había algo que nos unía profundamente: a nosa maneira de mirar a infancia e o noso amor pola natureza.
Un encontro entre infancia e natureza
Móvenos a necesidade de protexer a infancia, de devolverlle o lugar e o valor que merece, de respectar os seus tempos, as súas necesidades e a súa maneira única de descubrir o mundo. E, ao mesmo tempo, móvenos a certeza de que a natureza ten moito que ofrecernos: conéctanos, acouga, esperta a curiosidade e lémbranos algo tan sinxelo como importante: nós tamén formamos parte dela. Dese encontro nace Senlleira. Un proxecto no que quixemos unir as nosas dúas grandes paixóns: acompañar a infancia e coidar do lugar que habitamos.
Educar, aprender, medrar
As tres estamos formadas en Educación Infantil e os nosos camiños tamén pasaron por diferentes ámbitos sociais. Todas esas experiencias foron construíndo a nosa maneira de entender o acompañamento e leváronnos a buscar outras formas de educar, baseadas no respecto, na escoita, na confianza e na liberdade. Por iso seguimos formándonos en diferentes pedagoxías activas e respectuosas. Porque cremos que acompañar a infancia tamén implica estar dispostas a aprender continuamente, a cuestionarnos, a medrar e a seguir descubrindo. Non queremos deixar nunca de aprender, porque sentimos que é a nosa responsabilidade ofrecerlle a cada crianza o mellor de nós.
Únicas, valiosas, senlleiras
Senlleira comezou sendo unha idea e, pouco a pouco, con moito traballo, ilusión e tamén moitas preguntas, foi collendo forma ata converterse neste lugar que hoxe queremos compartir. Escollemos chamarlle Senlleira porque atopamos nesta palabra unha fermosa maneira de expresar como vemos a infancia. Unha árbore senlleira é unha árbore singular, valiosa, que merece ser recoñecida e coidada por toda a comunidade. Así entendemos tamén cada crianza: únicas, valiosas e merecedoras de ser respectadas, protexidas e coidadas. Gústanos pensar que coidar da infancia é unha tarefa de todas e todos. Que precisamos dunha comunidade que acompañe, que sosteña e que dea espazo para medrar.
As nosas raíces, o noso lugar
E nese desexo de coidar tamén queremos mirar cara ás nosas raíces. Encántanos a nosa terra, as súas tradicións, as súas historias e todo aquilo que forma parte da nosa cultura. Queremos que a infancia poida coñecelas, vivilas e disfrutalas, porque cremos que saber de onde vimos tamén nos axuda a construír quen somos.
Así é Senlleira: un proxecto que nace do amor pola infancia, da necesidade de coidala e do desexo de vivir e medrar máis conectadas coa natureza, coa nosa terra e coa nosa comunidade.
